Exposicións e cine polo ‘Día da Muller’

    VILAGARCÍA> Os concellos continúan desgranando as súas programacións para conmemorar o vindeiro 8 de marzo, Día da Muller. Vilagarcía presentou hoxe a súa proposta que, ademais da tradicional lectura do manifesto, inclúe unha exposición con traballos dos nenos e nenas da vila, e a proxección do documental “Mulleres da Raia”.

     

    Vilagarcía propón varias actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller, baixo o lema “Igualdade, responsabilidade común”. O acto central será o vindeiro 8 de marzo ás 12 do mediodía, coa lectura do manifesto aprobado no último pleno da corporación diante das portas do concello. 

    Ese mesmo día inaugurarase a exposición “Muller tiña que ser” na biblioteca municipal, composta polas achegas dos nenos e nenas dos colexios da vila.

    Antes da inauguración da exposición entregaranse os premios do xa tradicional Maratón Fotográfico, que conta con dezanove participantes.

    A programación conmemorativa continuará o día 9. Desta volta coa proxección do Cinema Club do documental “Mulleres da Raia”, da realizadora Diana Gonçalvez. Será no Salón García e a entrada será gratuíta.

    Tamén Ribadumia anunciou un dos seus actos para conmemorar o Día Internacional da Muller. Será o vindeiro domingo a partires das 7 da tarde, coa sétima edición da Homenaxe á traxectoria de varias mulleres do concello. Ao remate, celebrarase a actuación “Maxia pola igualdade”. Terá lugar no Auditorio Municipal. 

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/04/dia_muller_villa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/04/dia_muller_villa.mp4{/flowplayer}