RIBEIRA> A Plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza organizará unha cadea humana entre o centro de saúde de Ribeira o Hospital do Barbanza. Chaman á cidadanía de toda a comarca a sumarse a esta acto reivindicativo que terá lugar o sábado 11 de outubro.
Tras meses de concentracións, a Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Barbanza dá un paso máis cun acto reivindicativo no que busca implicar a toda a cidadanía. Trátase dunha cadea humana entre o centro de saúde de Ribeira e o hospital do Barbanza prevista para o sábado 11 de outubro.
A través desta proposta buscan chamar a atención sobre a precariedade tanto na atención primaria, con centros de saúde como o de Ribeira baixo mínimos, así como nas listas de agarda para especialistas.
Os interesados en participar non precisan inscrición previa. Basta con achegarse ata calquera punto deste percorrido de 5 quilómetros e sumarse a este acto simbólico en defensa da sanidade pública.











