Os obradoiros de verán da Pobra fomentarán a creatividade dos cativos

    POBRA > O concello da Pobra ofrecerá unha ampla oferta lúdico-educativa para tódolos nenos do municipio durante o verán. A lectura, as manualidades, a pintura, a decoración ou a informática conforman o groso destes obradoiros, froito da colaboración entre os departamentos de Educación e Cultura.

    ‘Algo máis que xogar’. Este é o título baixo o que se engloban os obradoiros de verán ofertados polo concello da Pobra e que define perfectamente os seus contidos: entretemento lúdico pero sempre cun afán didáctico e educativo. As actividades perseguen ademais a adquisición de valores como tolerancia e igualdade fomentando unha participación activa por parte de tódolos rapaces.

    Os máis pequenos, de tres a seis anos, poderán participar na Ludoteca Infantil, que se desenvolverá nas instalacións do colexio Fernández Varela e incluirá obradoiros creativos, animación á lectura ou educación vial e ambiental. O prezo de inscrición será de 40 euros para asistir tres días á semana durante os meses de xullo e agosto e trinta euros para os que opten por dúas sesións semanais.

    Os rapaces máis maiores poderán elixir entre un abano de opcións máis amplo posto que se ofertan un total de cinco obradoiros que se impartirán na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler. Un obradoiro de debuxo e pintura, outro de barro e decoración e un de manualidades en xeral contribuirán a espertar o espírito creativo dos máis cativos mentres que o fomento da lectura será o centro doutro dos talleres que inclúe sesión de contacontos, elaboración de monicreques ou obradoiro de escritura. Todas estas actividades contan cun prezo de inscrición de 30 euros.

    Como en anos anteriores, o concello tamén ofertará un curso de informática no que se impartirán distintos contidos en función do nivel de cada grupo. O prezo será de 25 euros dous día e 20 euros un día.

    Os interesados en asisitir a calquera das actividades poden formalizar inscrición ou ben solicitar máis información na casa da Cultura Raquel Fernández Soler.

    Redacción Barbanza