Rouban xoias valoradas en tres mil euros nunha xoiería de Noia

    NOIA> A xoiería Barbanza Joya do Noia foi vítima dun roubo este mediodía. Aproveitando un descoido da dependenta, dúas mulleres levaron varias pulseiras e pendentes de ouro valoradas en máis de tres mil euros. A Garda Civil trata de dar coas autoras dos feitos que foron rexistrados a través dunha cámara de videovixilancia. A plena luz do día e aproveitando a afluencia de xente nas rúas comerciais de Noia durante os xoves pola mañá cando se celebra o mercadiño ambulante, dúas mulleres cometeron un roubo na xoiería Barbanza Joya. Accederon ó interior do establecemento e aproveitando que un dos escaparates estaba aberto levaron diversas xoiais. Entre as xoias subtraídas atópanse varias pulseiras de comuñón e un expositor de pendentes de bebé, valorados preto de tres mil euros. A cámara de seguridade captou ás dúas ladroas polo que a Garda Civil conta con numerosos datos para proceder á súa identificación.