Portos habilitará máis dun cento de novos atraques e mellorará o abrigo do porto de Aguiño

RIBEIRA> Portos de Galicia destinará catro millóns de euros ó porto de Aguiño. Este investimento, previsto en varias anualidades, permitirá mellorar o abrigo é habilitar máis dun cento de prazas de amarre para as embarcacións dos profesionais.

Os mariñeiros de Aguiño verán cumprida unha reclamación histórica co proxecto previsto por Portos na localidade para habilitar máis dun cento de atraques e mellorar o abrigo dun porto que, polas súas condicións, se atopa moi exposto.

A obra, que implicará un investimento próximo ós catro millóns de euros a financiar en diversas anualidades, suporá unha mellora moi importante das condicións de traballo dos profesionais que na actualidade vense obrigados a retirar as lanchas do mar posto que non contan con zona de atraque.

Tras estudar diversas alternativas, dada a complexidade que presenta a actuación por mor das correntes e do fondo, Portos e confraría consensuaron ampliar varios metros a rampla pequena do centro do porto e facer unha L cara o dique exterior. Os profesionais agardan que as obras poidan comezar nos próximos meses unha vez o proxecto obteña os informes sectoriais dependentes doutras administracións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí