LOUSAME> O executivo local veuse na obriga de acometer diversas medidas de protección e sinalización no vial que é de titularidade municipal.
O executivo local acometeu xa diversas medidas de sinalización e protección na estrada municipal entre Fruíme e Escabia, que esta pasada fin de semana sufría un forte corremento de terras. As chuvias e o forte vento da fin de semana parecen estar detrás do problema.
Aínda que o derrube non afectou ó firme da estrada, si levou por diante gran parte da terra sobre a que se asenta o carril exterior da vía, constituíndo un grave perigo para os vehículos e peóns que habitualmente circulan por ela.
Por esta razón dende o Concello xa están mans á obra para elaborar un proxecto urxente e arranxar este problema. Mentres non se resolve, o tránsito pola zona estará limitado a 40 km/hora e o carril exterior estará cortado nun tramo duns dez metros.