O 90% do PAI de Lousame irá á mellora de camiños

    LOUSAME> O executivo de Lousame acordou destinar ó redor dun 90% dos 177 mil euros do Plan de Aforro e Investimento deste ano á realización de tres proxectos de mellora de viais do municipio. A cantidade restante ata completar o total da subvención outorgada pola Deputación da Coruña, ó redor duns 26 mil euros, irán á amortización da débeda. A decisión tomábase esta mañá, no transcurso dunha sesión plenaria con carácter extraordinario, na que a proposta da Alcaldía saíu adiante cos seis votos a favor do Partido Popular e as catro abstencións do PSOE e do BNG. Os camiños a acondicionar serán o de Seoane e Cerquides, concretamente entre a igrexa ata a estrada Noia-Padrón, o de Silvarredonda e Froxán e os accesos a Fontefría, xa no límite co concello de Rois.