Pouca ameixa pero de boa calidade no arranque da campaña en Ribeira

    RIBEIRA> Primeira xornada de traballo nas autorizacións marisqueiras de Ribeira. Tal e como auguraban as mostraxes non abunda o marisco. Sen embargo, destaca a boa calidade da ameixa. Preto de douscentos profesionais participan na campaña marisqueira de Ribeira que arrancaba con modestas perspectivas. As mostraxes xa auguraban escaseza de ameixa polo que dende a confraría decidiron abrir a totalidade das autorizacións para que os mariscadores puideran traballar en diversos bancos. Aínda que houbo quen apañou os topes en pouco máis dunha hora, a maioría dos traballadores dedicaron toda a mañá para chegar ós dez quilos. A pesar da escaseza destaca o bo tamaño da ameixa que ademais está moi chea. Os mariscadores agardan que a calidade se traduza na cotización. Tras estas primeiras impresións, as perspectivas de futuro pasan por preservar a ameixa ata a campaña de Nadal cando se incrementa o tope e, sobre todo, o prezo.