Quince mozos rematan a súa experiencia formativa en ‘Boiro Emprega’

    BOIRO> O acto de clausura deste obradoiro contou coa presenza do director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes. Uns quince alumnos, todos eles menores de trinta anos, na súa maioría mulleres, foron os beneficiarios deste obradoiro ‘Boiro Emprega’ que veu desenvolvéndose na localidade nos últimos meses. Os mozos recibiron formación e un certificado de profesionalidade na especialidade de ‘Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería’. O alcalde, Xoán Xosé Dieste, fixo referencia ó importante labor desenvolvido polos participantes neste obradoiro, con actuacións de xardinería en diversas zonas concello, como é o caso da Avenida da Constitución. O acto de clausura contou tamén coa presenza do director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, quen destacou a importancia deste tipo de iniciativas formativas, principalmente esta, na que se incide especificamente nos mozos, coa finalidade de mellorar a súa empregabilidade e contribuír á súa inserción laboral. O obradoiro foi financiado integramente pola consellería de Economía, Emprego e Industria cun investimento que se achegou ós 130 mil euros.