Polémica pola proposta de cambio do nome de Miguel Rodríguez Bautista

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/15/polemica_cambio_nome_rua_miguelrodriguezbautista_1503161.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/15/polemica_cambio_nome_rua_miguelrodriguezbautista_150316.mp4{/flowplayer} RIBEIRA> Malestar en Ribeira ante a solicitude conxunta de BNG, PSOE e Ciudadanos de cambiar a denominación dalgunhas rúas; entre elas a avenida Miguel Rodríguez Bautista. O alcalde critica que utilicen como argumento o cumprimento da lei de memoria histórica cando no pleno de xaneiro tódolos grupos acordaron dar por cumprida a sentenza que non avalaba estes cambios. Despois de que varios sectores da sociedade ribeirense amosaran o seu desacordo coa moción conxunta do BNG, PSOE e Ciudadanos, o grupo de goberno vén de facer público o seu malestar. As tres forzas da oposición solicitan o cambio de nome das rúas Miguel Rodríguez Bautista, Diego Delicado e a retirada do título ós fillos adoptivos Fernando Suárez Tangil e José María Rivero de Aguilar. O alcalde non entende o sentido desta moción despois de que o Contencioso Administrativo resolvera que non era preciso o cambio de denominación para dar cumprimento á lei de Memoria Histórica. Toda a corporación acordou entón non recorrer e dar por cumprida a sentenza tal e como recolle a acta do pleno celebrado o pasado 25 de xaneiro. Manuel Ruíz critica ademais a proposta da oposición por contribuír a xerar polémica e crear división en torno a unha figura como a de Miguel Rodríguez Bautista, moi querido en Ribeira durante a súa etapa como alcalde. Entende, Manuel Ruíz, que calquera grupo é libre de propoñer os cambios de nomenclatura que considere pero sen basealo nunha mentira como o incumprimento da lei de memoria histórica cando existe unha sentenza que o avala. Á espera do debate en pleno da moción, o alcalde porá o asunto en mans do avogado e do secretario municipal ante a existencia de actas anteriores na que toda a corporación dá por cumprida a sentenza.