Ribeira prepara a organización dunha feira pesqueira

    RIBEIRA> A iniciativa foi analizada esta mañá na reunión do Consello Sectorial de Pesca a solicitude da Asociación de Empresarios da localidade. Cun único punto destacable na orde do día, o consello sectorial de pesca de Ribeira reuniuse coa finalidade de analizar a proposta presentada pola Asociación de Empresarios da localidade de celebrar unha feira de carácter bienal asociada á produción pesqueira. Segundo explicou o propio alcalde, Manuel Ruíz, coa iniciativa que podería desenvolverse xa en setembro preténdese poñer en valor os produtos do mar e promocionar a súa calidade, aglutinando os distintos sectores asociados á principal actividade económica do municipio, dándolle ademais un carácter profesional, pero sen esquecer tampouco o seu compoñente lúdico-festivo. A proposta aínda en estudo para tratar de analizar os seus posibles contidos e tamén os custes podería desenvolverse en varios espazos, barallándose a posibilidade de ubicala na futura lonxa. En canto ó seu financiamento, preténdese que sexa costeada por un lado polo sector privado e por outro por entidades públicas interesadas, como é o caso do propio Concello, a Deputación da Coruña ou a través de fondos europeos do Grupo de Acción Costeira.