A Pobra convértese no primeiro concello do litoral galego en adaptar o PXOM á Lei do Solo

    POBRA > O alcalde da Pobra recibiu con satisfacción a nova da aprobación definitiva do PXOM da localidade por parte da Consellería de Política Territorial.

    Esta aprobación convirte a este concello no primeiro e único municipio costeiro de toda Galicia que adapta o seu planeamento á Lei 9/2002, coñecida como Lei do Solo. Polo tanto, a súa adecuación á legalidade vixente permitiralle quedar á marxe da suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos na franxa dos primeiros 500 metros do litoral que recolle a Lei de Medidas Urxentes de Protección do Litoral.

    O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, non podía oculta-la súa satisfacción. A aprobación do PXOM é, segundo el, o resultado do traballo e o esforzo do equipo de goberno, para poñelo ó día nas necesidades de índole urbanística, e das que o municipio carecía. Con esta aprobación non só se poñen ó día, senón que se convirten no primeiro dos concellos de Galicia que adapta o seu planeamento á nova Lei do Solo, polo que non terá que acollerse ó plan de protección de costa dos 500 metros.

    O Plan Xeral da Pobra do Caramiñal foi aprobado inicialmente polo concello en decembro do ano 2004 e provisionalmente polo seu pleno municipal en decembro de 2005. Tras ser analizado pola Dirección Xeral de Urbanismo e detectarse diversas deficiencias, a Consellería de Política Territorial emitiu unha primeira Orde o 22 de maio de 2006 na que determinou non outorgar a aprobación definitiva e se lle indicaron ó concello os cambios que debía introducir na documentación do seu PXOM.

    Correccións

    aprobacionpxompobra_200_050307.jpgTras realizar ditas modificacións, o concello volveu aprobar o documento en xullo de 2006. Agora, tras analizar novamente a documentación do planeamento e as correccións introducidas, a Dirección Xeral de Urbanismo decidiu outorgarlle a aprobación parcial ó documento. Aínda así no informe de Política Territorial sinálase que faltan por subsanar algunhas das deficiencias xa advertidas anteriormente, que afectan a áreas moi concretas como poden ser en varios terreos nos que se pretende a apertura de novos viais ou transformación de camiños en rúas, que deben ser clasificados como solo urbano non consolidado en vez de como solo urbano consolidado.

    Nas correccións figura tamén que o solo urbano sen cualificar situado ó Norte de Cabío, debe ser cualificado e nos ámbitos clasificados como solo de núcleo rural, incluída a súa área de expansión. Neles detectáronse delimitacións que exceden da distancia máxima legal de 50 metros. En tanto non sexa aprobada a súa delimitación, será de aplicación nestes ámbitos o réxime de solo rústico. Ademais nos ámbitos con cualificación de equipamentos situados fora do solo urbano ou dos núcleos rurais, nos que o plan debe determinar a categoría de solo rústico na que se inclúen.

    A partir de agora, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da Provincia a normativa e mailas ordenanzas do PXOM aprobado parcialmente para que entre en vigor. Tamén deberá realizar as correccións esixidas na Orde da Consellería e remitir novamente o documento para para a súa aprobación definitiva.

    Redacción Barbanza