“El Pastelero” acepta a condena por fraude fiscal

PONTEVEDRA> Óscar Manuel Rial Iglesias, “El Pastelero”, considerado polas forzas de seguridade como un dos maiores narcotraficantes en  activo de Galicia, acepta a súa primeira condena.

Unha condena na que non está acusado de tráfico de drogas nin tampouco de branqueo de capitais, delito polo que foi detido a finais de 2014, senón por fraude a Facenda. Rial, que acepta a condena de 6 meses de cárcere coa que non entraría a prisión, admite que en 2011 presentou unha declaración da renda na que establecía unha base liquidable de 985 euros e unha cota de cero e que tras comprobacións da Fiscalía de Delitos Económicos a base era en realidade de case 873.000 euros e cunha cota defraudada de 381.000. Unha cifra que deberá aboar en concepto de cota tributaria ademais duns intereses de 60.000€ e unha multa de 248.000€. “El Pastelero” non poderá recibir axudas públicas durante dous anos. O Fiscal pide o sobresemento libre da causa con respecto ao resto de detidos contra a operación contra branqueo de capitais na que se viu involucrado. A Rial Iglesias acusábaselle de lavar diñeiro do narcotráfico, mais ata agora a xustiza nin puido demostrar a súa relación con ningún dos dous delitos.