A Pontevedrada terá mañá unha saída simbólica dende un balcón

PONTEVEDRA> A Pontevedrada deste ano teríase que celebrar mañá. A situación de emerxencia sanitaria obrigou a pospoñer a marcha solidaria. Con todo, a iniciativa terá unha saída simbólica dende un balcón, para lembrar a importancia de seguir doando sangue e órganos e lembrar ás vitimas do coronavirus. No particular pistoletazo de mañá non faltará a clásica bucina e os dorsais dos máis de 700 inscritos na edición deste ano.

Esta imaxe tería que repetirse mañá, pero o coronavirus vaino impedir. A décima edición da Pontevedrada tivo que adiarse por mor da emerxencia sanitaria. Con todo, a organización non se rende. Mañá, o Presidente da Asociación de Amigos da Pontevedrada dará unha saída simbólica a golpe de bucina. Vaino facer dende o balcón da súa casa, en Poio.

A iniciativa simbólica servirá para lembrar ós máis de 700 inscritos. Fran estará acompañado no seu balcón dos seus dorsais. Tamén haberá unha pequena homenaxe para as vítimas do coronavirus, co acendido dunha candea. A cita será ás 8 do serán, coincidindo cos aplausos. É a mesma hora á que debería arranca-la marcha solidaria a pé, se o COVID-19 non o impedise.

Dende ASAMPO apuntan que, malia quedar aprazada, a esencia do acto simbólico de mañá segue sendo a mesma: fomenta-la doazón de órganos, sangue e tecidos, aínda que non haxa marcha entre Pontevedra e Santiago. Prometen que a edición deste ano se vai celebrar cando todo isto pase. Para iso barallan dúas datas: en xullo ou outubro. Esta última semella a máis probable.

Dende ASAMPO aproveitan para lanzar unha mensaxe de ánimo nestes momentos. Din que, malia todo, o seu compromiso é seguir agasallando vida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí