Pontedetapas elixirá o mellor petisco pontevedrés

PONTEVEDRA> Este venres arrinca unha nova edición do Pontedetapas. O certame, que se estende ata o 18 de novembro, premiará a mellor tapa creativa e o mellor cóctel da cidade. Na súa undécima convocatoria, tense convertido en evento de referencia da gastronomía local e un reclamo activo do turismo de proximidade.

Un total de 55 establecementos hostaleiros pontevedreses participarán no Pontedetapas 2018, que ofrecerá durante dezasete días, dende o 2 ó 18 de novembro, 34 tapas tradicionais, 25  tapas creativas e 14 cócteles. Tras 11 anos celebrándose, a competición gastronómica é xa un evento consolidado na cidade.

A  votación popular será a encargada de decidir a “Tapa Pontevedra”. O gañador representará  á cidade no certame “De Tapas por Galicia”, organizado por Turismo para escoller o mellor petisco entre os gañadores dos concursos das sete cidades galegas. A tapa pontevedresa fíxose con este galardón os dous últimos anos.

Tamén haberá Premios do Xurado para a mellor tapa tradicional, a mellor tapa creativa e o mellor cóctel. As propostas seleccionadas polo profesorado do CIFP Carlos Oroza serán valoradas por un xurado profesional.

Por último, haberá un premio á mellor maridaxe con cervexa, outorgado polo patrocinador do evento.

Os pequenos bocados poderanse degustar a pequenos prezos: dous euros por tapa e tres por cóctel. Será un reto para pontevedreses e visitantes completar o “Tapasporte”.

Os dez primeiros consumidores que presenten o pasaporte selado por tódolos establecementos do concurso, terán como agasallo unha cea para dúas persoas. Tamén haberá recompensa por votar.

O gañador de Tapa Pontevedra tamén terá como premio desenvolver un showcooking na edición do vindeiro ano da feira do gourmet galego “Etiqueta Negra”.