Tensión en Pontevedra entre a Xunta de Persoal e o goberno pola contratación dun detective para investigar a baixa dun bombeiro

PONTEVEDRA> Novo episodio no conflito aberto entre a xunta de persoal do concello de Pontevedra e o goberno local. Esta mañá os representantes dos traballadores denunciaron unha vez máis a persecución que, aseguran, sofren por parte do executivo. Fan estas acusacións despois de que se dera a coñecer que o concello contratou un detective privado para investigar un bombeiro que estaba de baixa de longa duración.

Lonxe de solucionarse, o conflito entre a xunta de persoal do concello de Pontevedra e o goberno local suma un novo episodio. A polémica reavívase despois de que o xornal ABC publicara que o executivo contratara un detective privado para investigar a un bombeiro que estaba de baixa de longa duración.

Os feitos remóntanse ao ano 2021. Para a xunta de persoal, a decisión está enmarcada no mal ambiente que existe entre os representantes dos traballadores e o executivo local. Dende o concello, Fouces asegura que se trata dunha fórmula habitual para controlar baixas sospeitosas. Apunta que se trata da primeira vez que se fai dende que é a responsable deste servizo.

Os traballadores explicaron que co informe do detective o concello abriu un expediente sacionador a este bombeiro. Para defenderse, achegou informes médicos que aseguraban que a actividade era compatible co motivo da súa baixa.

Tras coñecer a nova, o Partido Popular solicitou o expediente sobre a contratación.

Segundo o concello, a contratación do detective tivo un custo de 363 euros para unha investigación que durou seis horas.

Tensión en Pontevedra entre a Xunta de Persoal e o goberno pola contratación dun detective para investigar a baixa dun bombeiro