Tradición, música e fogueiras para celebrar as Festas de San Xoán de Poio

POIO> Poio xa ten todo preparado para as festas do seu patrón. Do 22 ao 27 de xuño o concello celebra as festas de San Xoán. Unha cita á que non faltarán a programación para todos os públicos, a música dalgunhas das mellores orquestras e, por suposto, a gran fogueira na Seca. Será o día 23, coincidindo coa noite máis meiga do ano.

O 24 de xuño é San Xoán e o concello de Poio celebra o día do seu patrón. Farao cunha programación que se estenderá dende o domingo 22 ao venres 27 con propostas para todos os públicos.

O tiro de saída será o día 22. Dende a Casa Consistorial ás 9 da noite darase o pregón, que este ano corre a cargo da veciña Pilar Martínez. Tamén se entregarán os prmios do concurso de carteis de San Xoán e os recoñecementos aos deportistas da tempada.

Iso si, o día forte será o 23. A noite máis meiga do ano vívese con forza no concello. Unha xornada na que, ademais da tradicional recollida de herbas de San Xoán, haberá a gran sardiñada popular na Seca e o prendido da fogueira.

Esa noite a música correrá a cargo de Ritmo Joven. Pero no será a única orquestra que pase por Poio durante os cinco días de celebración das festas patronais. Tamén actuarán Miramar e La Ocaband, Os Satélites, París de Noia, Capitol e Marbella.