Os pais plantan á xerencia do colexio Sagrada Familia de Boiro

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/16/manifestacion_pais_sagradafamilia_boiro_1603161.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/16/manifestacion_pais_sagradafamilia_boiro_160316.mp4{/flowplayer} BOIRO> Os pais dos alumnos do colexio Sagrada Familia de Boiro mantiveron un encontro esta tarde coa xerencia do centro para demandar explicacións sobre as presuntas irregularidades cometidas. A falla de entendemento motivou que os proxenitores acabaran por marchar e reunirse con parte do profesorado no centro social de Escarabote para transmitirlle as súas inquedanzas. Tensión entre os pais dos alumnos do colexio Sagrada Familia en Boiro que esta tarde mantiñan un encontro coa xerencia para despexar dúbidas sobre o funcionamento dos distintos servizos que presta o centro. A dirección convocounos en pequenos grupos pero os proxenitores negáronse a ser recibidos deste xeito e solicitaron unha reunión conxunta con tódolos afectados presentes. Finalmente, dende o centro accederon a recibilos na súa totalidade co fin de esclarecer as presuntas prácticas ilegais das que está a ser acusada a xerencia do colexio. Sen embargo, o rumbo da reunión parecía non levar a ningunha parte polo que os pais decidiron plantar á xerencia e manter unha xuntanza alternativa con parte do profesorado do colexio no centro social de Escarabote. A denuncia das presuntas irregularidades partiu dun ex traballador do colexio que destapou a existencia de nenos menores de tres anos matriculados sen os permisos requiridos pola Xunta. A partir de entón un regueiro de presuntas malas prácticas están a salpicar a este centro privado, propiedade da orde relixiosa das Fillas da Caridade. Os pais denuncian problemas no servizo de comedor, no que presuntamente se chegan a servir produtos caducados e sen controis hixiénicos. Máis graves aínda son as irregularidades relacionadas coas axudas do banco de alimentos, destinadas a sufragar o servizo de comedor ás familias sen recursos. Os pais denuncian que o centro falsificou o número de beneficiarios. Á espera de valorar a situación, o malestar entre os pais vai en aumento e non descartan adoptar medidas de presión ou mesmo cambiar ós seus fillos de centro.