O Dubai Award xa é dos pontevedreses

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/24/premioonuhabitat.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/24/PREMIO_ONU_HABITAT_PONTEVEDRA.mp4{/flowplayer} PONTEVEDRA> Ó fío das sete e media da mañá hora española, dez e media na cidade árabe, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o xefe da Policía Local Daniel Macenlle subían ó escenario da Sociedade Cultural e Científica para recoller o premio. Un galardón a un proxecto que suscitou gran interese e que mañá traerán de volta a Galicia para ofrecerllo a tódolos pontevedreses o próximo cinco de marzo. Emocionado e orgulloso. Así subía ó escenario da Sociedade Cultural de Dubai o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores para recoller, xunto ó xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, o ONU-Hábitat para ‘A cidade centrada nas persoas’. Un trofeo e un diploma que recibían de mans do director xeral da Dubai Municipality e dun representante de Nacións Unidas trala proxección dun vídeo no que se explicaba en que consistiu o proxecto pontevedrés. Nada máis baixar do escenario, Lores amosábase satisfeito de ser pontevedrés e a eles, ós cidadáns de Pontevedra, ofrecía e agradecía o premio. Como acontecera onte nas xornadas explicativas, trala proxección do vídeo sobre o modelo urbano acadado por Pontevedra, un ruxe ruxe de comentarios percorreu o público presente na gala, na súa meirande parte autoridades locais. Nunha cidade caótica como Dubai no que a tráfico se refire, a imaxe de Pontevedra causou gran impacto e sorpresa. Mañá a delegación pontevedresa iniciará o seu regreso a casa traendo con ela o ONU Hábitat. Un trofeo que simboliza un ‘barxil’, unha construción tradicional árabe que se empregaba para manter frescas as vivendas no deserto, xunto a unha dotación económica de 30.000 dólares que se doará case na súa totalidade á Rede Axuda. O cinco de marzo ofrecerán o galardón a tódolos cidadáns de Pontevedra nun acto público no Teatro Principal. O ONU Hábitat é un galardón internacional co que se distingue aqueles proxectos que melloran a calidade de vida das persoas. Pontevedra foi o único executado en solo europeo que recibiu a distinción entre os 406 candidatos de 95 países. Houbo outro premio a españois, o outorgado á Asociación de Profesionais par ao Desenvolvemento Local e a Promoción Económica de Ciudad Real, aínda que a súa implantación se proxectou para África.