RIANXO> A confraría de Rianxo volve reclamar unha serie de melloras para garantir a seguridade dos profesionais do porto. Ademais da dotación dos novos amarres para terceira lista, demandan o arranxo dos pantaláns para bateeiros que se atopan en moi mal estado.
Non son demandas novas senón que a confraría rianxeira leva xa seis anos pedindo a dotación de pantaláns no porto para dar servizo ás embarcacións da terceira lista. Actualmente, ó non dispoñer de amarres os barcos teñen que atracar na escolleira o que obriga a moitos profesionais a acceder ás embarcacións a través das pedras co consecuente risco de accidente.
Outra das demandas que traslada a confraría a Portos é a dotación dalgún punto de luz na zona portuaria para que as empresas que traballan na reparación e mantemento dos barcos podan facelo en condicións.
O patrón maior entende que se prioricen outras actuacións de gran calado na comarca como os pantaláns de Cabo de Cruz ou as melloras anunciadas para o porto de Ribeira. Aínda así, considera que é de xustiza atender as demandas do pósito rianxeiro ante as deficientes condicións de seguridade nalgunhas instalacións.