A FEB aposta pola excelencia cun ambicioso Plan de Formación

    BOIRO> A Federación de Empresarios do Barbanza impulsa un plan de formación en colaboración coa Deputación da Coruña, o Clúster de Turismo de Galicia e a Escola de Negocios da Fundación ABANCA. O programa inclúe un total de catorce accións formativas centradas no liderado, a excelencia e o manexo das redes sociais. A Deputación da Coruña destina trinta mil euros e a Federación de Empresarios do Barbanza outros sete mil cincocentos para facer posible este ambicioso programa formativo que ten por obxecto mellorar a oferta turística e comercial da comarca. As catorce xornadas programadas, cada unha de oito horas, desenvolveranse ó longo do mes de abril nas distintas asociacións que integran a federación. As accións formativas correrán a cargo da escola de negocios AFundación e estruturaranse en tres grandes bloques: o liderado e a dirección de persoas, a excelencia no servizo ó cliente e as redes sociais. Dende a federación agardan que a formación dirixida a empresarios e traballadores contribúa á profesionalización do sector servizos, un dos piares da economía da comarca. Proximamente, asinarán un convenio co Clúster de Turismo de Galicia para contar con servizos de asesoramento para os asociados.