O Consello de Pesca crea tres grupos de traballo específicos para o sector

    GALICIA> O Consello Galego de Pesca creará tres comisións de traballo para analizar distintos asuntos de interese para o sector. Unha terá como eixo central a pesca artesanal mentres que as outras dúas estudarán os regulamentos europeos de control e da pesca en augas profundas. O Consello Galego de Pesca acordou en pleno a constitución de tres comisións de traballo para abordar en profundidade os problemas que afectan ós sectores representados neste órgano. O primeiro dos grupos centrarase na pesca de baixura co obxectivo de analizar as medidas que propón o Plan de Acción de Pesca Costeira de Galicia que vai poñer en marcha a Xunta no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020. Os outros dous grupos abordarán especificamente os regulamentos europeos de control e de medidas técnicas da pesca en augas profundas. Durante a xuntanza acordouse tamén convocar a comisión da industria transformadora e iniciar o diálogo entre as confrarías e os representantes da pesca recreativa sobre zonas de traballo comúns. O borrador da lei de acuicultura, xa retirado, tamén formou parte da orde do día. A Conselleira do Mar explicou que, agora, debe ser o propio sector quen tome a dianteira se quere unha norma específica para regular esta actividade, unha vez que Andalucía aposta polo cultivo da dourada e o linguado, aproveitando o baleiro que deixa Galicia neste campo.