PONTEVEDRA> ‘O Pastelero’, presunto capo arousán, xa ten a súa primeira condena. Tal e como se anunciara, Óscar Manuel Rial aceptou esta mañá a condena de seis meses de prisión como autor dun delito contra a Facenda Pública. Acúsaselle de defraudar máis de 380 mil euros na súa declaración do ano 2011. Rial Iglesias está considerado polas forzas de seguridade como un dos maiores narcotraficantes actualmente en activo.
Seis meses de prisión por un delito contra a Facenda Pública. Esta é a primeira condena de Óscar Manuel Rial, coñecido como “O Pasteleiro” e considerado polas forzas de seguridade como un dos maiores narcotraficantes actualmente en activo.
Tal e como se anunciara, no xuízo celebrado hoxe o presunto capo arousán aceptou a pena pactada coa Fiscalía, e recoñecía ter defraudado máis de 380 mil euros a Facenda na súa declaración do ano 2011. No acordo tívose en conta o atenuante de reparación do dano e, ademais dos seis meses de prisión, terá que asumir o pago dunha multa de 248 mil euros, con 50 días de privación de liberdade en caso de impago. O seu avogado comprometeuse a non recorrer a condena.
A pena de prisión substituirase polo pagamento dunha multa de 5.400 euros. Tamén aceptou asumir a costas do xuízo, por valor de 23.500. Ademais, perderá a posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas ou o dereito a beneficios ou incentivos fiscais durante dous anos, e terá que pagar a Axencia Tributaria os 380 mil euros defraudados e case 60 mil polos intereses.
O vilagarcián nunca foi condenado pola súa presunta vinculación co narcotráfico. No 2013 sentou na bancada da Audiencia Nacional por un alixo de 3,6 toneladas de cocaína no pesqueiro San Miguel do ano 2008. Saíu absolto. Tampouco puideron demostrar as sospeitas de que é o líder dun grupo organizado que movía anualmente dez toneladas de cocaína dende Colombia e hachís dende Marrocos.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/18/condena_pasteleiro.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/03marzo/18/condena_pasteleiro.mp4{/flowplayer}