Entregan no Concello de Poio máis de 1.000 sinaturas contra o proxecto de reurbanización da Caeira

POIO > En Poio, un colectivo veciñal entregou no Concello máis de 1.000 sinaturas contra o proxecto de reurbanización da Caeira, que pretende levar a cabo o goberno local. Ademais, a plataforma de afectados sumou outros 600 apoios a través dunha plataforma dixital. O proxecto que o concello de Poio puxo sobre a mesa suporía suprimir o sentido de baixada nas rúas Pernas Peña e Mato Calderón. A intención do goberno local é amplia-las beirarrúas, para que o peón gañe peso fronte os vehículos. Dende a plataforma de afectados indican que están a favor da humanización dos viais da súa parroquia, pero apuntan que o sentido único incrementaría os atascos. Esta mañá presentaron no rexistro do concello 1000 sinaturas físicas e outras 600 recollidas a través da plataforma Change. Esta tarde, afectados e goberno local celebraron unha xuntanza para tentar chegar a un entendemento. O colectivo de afectados lamenta as formas do executivo local, porque –din- souberon da reunión polos medio de comunicación. O alcalde, pola súa banda, recoñeceu que se equivocaron á hora de face-la convocatoria, pero que –así e todo- a intención do seu equipo é darlle forma a un proxecto de humanización da zona que guste á meirande parte dos veciños. Dende a plataforma de afectados propóñenlle ó Concello que estude alternativas, como a contrución dun vial na zona do Vao que alivie o tráfico na Caeira.