O Freixo rende unha homenaxe póstuma ó seu valedor, Francisco Rama

    OUTES> O edificio do Náutico do Freixo, en Outes, loce dende esta fin de semana unha placa conmemorativa en lembranza dun dos seus impulsores, Francisco Rama Vázquez. Nun emotivo acto, o concello quixo homenaxear e memoria do edil, recentemente falecido. O Náutico do Freixo leva dende agora o nome dun dos seus grandes valedores. Unha placa en lembranza de Francisco Rama Vázquez, máis coñecido en Outes como Fufú, loce na entrada do edificio homenaxeando así a quen fóra un dos principais impulsores do paseo, o porto deportivo e o club náutico da parroquia outense. O concello e a asociación Terra de Outes quixeron con este xesto homenaxear a memoria do que fóra edil do PP na corporación falecido hai uns meses. Nun emotivo acto, coa presenza de numerosos veciños, amigos e familiares, o alcalde quixo lembrar a figura do que era, máis que un compañeiro de filas, un amigo. Ademais da súa teima pola posta en valor do porto do Freixo, Crespo repasou as numerosas melloras conseguidas por Fufú para a súa parroquia e outros núcleos rurais, cos que sempre amosou o seu compromiso, así como no eido social.