Medio Rural aposta polo aproveitamento da biomasa forestal

    visitasuarezcanal_100_040707.jpgBARBANZA > O Conselleiro do Medio Rural supervisou no Barbanza os traballos de repoboación forestal que se levaron a cabo neste último ano..

    O Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, acompañado do Director Xeral de Montes, Alberto Blanco, e da Delegada Provincial na Coruña, Olga García Agra, iniciou o seu percorrido polo Barbanza no concello de Rianxo, concretamente no lugar de Paradela na parroquia de Taragoña, unha zona que resultou moi afectada polos incendios do pasado verán. Alí participaron nunha demostración do funcionamento dunha máquina de trituración para o aproveitamento de biomasa forestal.

    Suárez Canal incidiu tamén en que esta medida contribúe por unha banda a limpeza dos montes que resultaron queimados polos incendios e pola outra a obtención de biomasa permite a xeración de enerxía.

    O Conselleiro tamén puido analiza-lo proceso de extracción e subhasta de madeira queimada tras os incendios do pasado verán, no que os propietarios de montes conveniados deste distrito avaliaron un rendemento valorado en máis de 1,3 millóns de euros, froito dos acordos conseguidos na Mesa da Madeira para manter os prezos de referencia obtidos na venda de produtos forestais.

    Plan experimental

    Posteriormente e xa no concello de Boiro o titular de Medio Rural mantivo dúas xuntanzas coas asociacións de gandeiros e da mancomunidade de montes veciñais do Barbanza, para anunciarlles a posta en marcha dun plan experimental de identificación do gando cabalar.

    visitasuarezcanal_200_040707.jpgNo Concello de Boiro, o Conselleiro mantivo unha reunión cos presidentes das asociacións de gandeiros de Campedulla, Posmarcos, Ribasieira, Runs, Oleiros e Xuño, todos eles asinantes dos acordos de pastoreo coas respectivas comunidades de montes veciñais en man común. Suárez Canal lembrou que a Consellaría do Medio Rural, en colaboración con propietarios de montes e gandeiros, emprendeu labores de mediación para tratar de conseguir unha ordenación dos usos do monte, co fin de integrar o gando e o aproveitamento forestal mediante unha xestión que optimice o seu rendemento.

    O Conselleiro anunciou tamén a posta en marcha de inmediato dun plan experimental de identificación do gando cabalar do Barbanza que será regulado mediante un decreto que vai permitir unha axeitada xestión produtiva e o eficaz control sanitario.

    Suárez Canal explicoulles que esta normativa regulará as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas incidindo de xeito especial nas que desenvolven as súas actividades sobre terreos de montes comunais en man común.

    O decreto contemplará o modelo de marca dos équidos mediante a aplicación dun transponedor, dispositivo electrónico cun código numérico detectable cun lector específico que permite a identificación individual de cada équido, cun código asignado no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras que identifique tanto ó propietario como ó animal.

    Restauración hidrolóxica-forestal

    A visita de Suárez Canal continuou posteriormente polo concello de Porto do Son onde comprobou os proxectos de reposición forestal, tratamentos silvícolas, acondicionamento de pistas e dotación de puntos de auga nos que a Consellaría do Medio Rural investiu 2,1 millóns de euros, que se engaden ós 2,2 millóns de euros destinados ás actuacións contempladas no Plan hidrolóxico-forestal e no Plan de emerxencia tras as riadas do pasado outono-inverno.

    Alí realizou unha visita ás obras de restauración hidrolóxica forestal na CMVMC de Ribasieira, incluídas nas actuacións de emerxencia derivadas das enchentes e mantivo unha reunión cos presidentes e representantes de varias comunidades de montes da zona.

    Redacción Barbanza