Peche inmellorable da campaña de Noia con catorce millóns de euros

    NOIA> Balance inmellorable da campaña marisqueira en Noia que pechou o exercicio cunha facturación próxima ós catorce millóns de euros. Ó longo destes meses, os produtores extraeron preto de dous millóns e medio de quilos de berberecho e ameixa, cuadriplicando as capturas do ano anterior. Os mariscadores de Noia colgaban a pasada semana os seus apeiros de traballo tras unha campaña que pecha con inmellorables resultados. As cifras non deixan lugar a dúbidas. Dous millóns e medio suman os quilos de marisco descargados que se traducen nunha facturación de trece coma nove millóns de euros. Cifra moi por riba dos cinco coma catro que supuxo a anterior campaña. O éxito do actual exercicio reside no notable incremento das capturas que aínda que cotizaron a un prezo medio inferior cuadriplicaron en volume á pasada campaña. Neste incremento influíu maioritariamente a climatoloxía, evitando as riadas e a aparición da toxina que en anos anteriores obrigou a pechar as concesións en varias ocasións. Tras estes bos resultados toca comezar a traballar para colleitar un éxito semellante de cara ó próximo ano. Limpeza de bancos, retirada de depredadores e sementeiras nas concesións ocuparán boa parte do traballo dos produtores durante o verán ata que aló polo mes de setembro ou outubro se retome a actividade extractiva.