‘Enredadas’ impulsa a diversificación do traballo das redeiras

    BARBANZA> A inicitiva, na que colaboran as consellerías de Economía e Mar, pretende achegar a este colectivo a novos proxectos artesanais. A Cidade da Cultura acollía un encontro do programa ‘Enredadas’ que ten coma principal obxectivo impulsar a diversificación e a posta en valor do traballo das redeiras co deseño e produción de novos produtos artesáns. Na iniciativa colaboran as consellerías de Economía e Emprego e Mar. Os dous titulares destes departamentos, Francisco Conde e Rosa Quintana, respectivamente, valoraron a importancia desta iniciativa que se desenvolve desde o ano 2012, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, entidade encargada de realizar diferentes cursos de formación centrados nos complementos de moda, a bixutería ou as técnicas de enfiado, nos que participaron redeiras de varias localidades galegas. Froito das distintas actuacións deste programa da Xunta, os novos produtos elaborados polas redeiras incorporáronse ós puntos de venda oficial de Artesanía de Galicia, e a diferentes tendas de moda e artesanía. Coa inicitiva, que terá continuidade ó longo do presente ano, o que se persegue, ademais de impulsar novas liñas de produto, é atraer ó proxecto máis profesionais, que deste xeito optan a ingresos complementarios ós da súa actividade.