BOIRO> Dende primeiras horas desta mañá un amplo dispositivo coordinado pola Garda Civil e no que toman parte tamén o Grupo Especial de Actividades Subacuáticas e do Grupo Cinolóxico de Busca de Persoas de Asturias, ademais de Protección Civil, e veciños en xeral, que quixeron tamén sumarse ó operativo, participan nas labores de busca de Félix Triñanes Sánchez, ó veciño de Abanqueiro de 72 anos que falta da súa casa dende a noite do pasado luns, despois de que saíra a pescar á praia de Mañóns, unha práctica para el bastante habitual.
A familia alertou da súa desaparición ó non saber nada do seu paradoiro durante toda a noite. O seu vehículo foi localizado nas inmediacións do areal.
O mal tempo, con forte chuvia e néboa no lugar da desaparición, está a dificultar tamén as labores de busca á que se sumaron mariscadores de a pé e de a flote, á que estaba previsto que se incorporasen tamén os drons da AXEGA.
Co paso das horas, as posibilidades de poder atopalo con vida diminúen, aínda así a familia non perde as esperanzas en que apareza.











