RIBEIRA> O BNG leva ó Parlamento unha iniciativa para demandar a cobertura de persoal no centro de saúde de Ribeira. Ademais dos recursos humanos solicitarán unha ampliación das instalacións para garantir unha correcta asistencia ós usuarios.
A pasada semana eran os propios médicos os que alertaban da precaria situación que estaban a vivir no centro de saúde de Ribeira ante a escaseza de persoal. Agora o BNG faise eco desta denuncia a través dunha iniciativa parlamentaria na que demandan a cobertura das ausencias dos profesionais para garantir a atención presencial.
A situación máis grave dáse en pediatría, onde os profesionais da quenda de mañá vense obrigados a dobrar turnos para dar servizo pola tarde ou contar con profesionais doutros centros. O mesmo acontece co persoal de enfermería posto que nin sequera se cubre a ratio dun enfermeiro por médico e cos auxiliares administrativos.
Ademais da falta de persoal, dende o BNG denuncia a escaseza de medios e o insuficiente das instalacións polo que demandan a ampliación do centro. Lembran que esta actuación xa fora comprometida polo Sergas hai tres anos.