O BNG pide ó goberno que inicie a elaboración dos orzamentos

    POBRA> O BNG da Pobra denuncia a ineficacia na xestión do goberno municipal ante a falla de propostas encamiñadas a mellorar o concello. Advirten ademais de que aínda non se teñen iniciado as reunións coa oposición para elaborar os orzamentos, o documento máis importante para o bo funcionamento da xestión municipal. Segundo os nacionalistas, a falla de planificación do actual goberno e a súa incapacidade de diálogo con outras administracións, mantén estancado ó concello da Pobra. A carencia de medidas de dinamización socio cultural e de reactivación económica provocou, segundo o BNG, a paralización de numerosos proxectos. Demandan do executivo que inicie de contado os contactos co resto da corporación para elaborar os orzamentos do presente ano, xa que se trata do documento de partido para a recuperación económica do municipio. Piden, por outra banda, a adopción de medidas concretas para acabar co abandono no rural e a inseguridade cidadá no casco urbano en lugar de impulsar, din, propostas cara a galería, máis encamiñadas a darse publicidade que a solucionar as eivas do concello.