Rianxo inicia a campaña con escasas capturas e bos prezos

    RIANXO> Os mariscadores de Rianxo volveron ó traballo nunha xornada na que non foi doado apañar os topes. A especie máis abundante foi a ameixa babosa, mentres que a fina, a xapónica e o berberecho apenas fixeron acto de presenza neste arranque de campaña. Tal e como facían prever as mostraxes, o arranque da campaña marisqueira en Rianxo non deparou grandes capturas. Como soe acontecer nas primeiras xornadas de volta ó traballo, os profesionais investiron moito tempo buscando as zonas con maior abundancia de marisco. Tras horas no mar, a maioría foi quen de apañar os topes de ameixa babosa, catro quilos. Non así coa fina, a xapónica e o berberecho. Aínda así, os mariscadores non fan mal balance desta primeira xornada e miran con esperanza ó resto da campaña. Nas próximas xornadas irán abrindo outras zonas en función da evolución das capturas e dos prezos. Pola contra, hai quen ve o futuro cunha visión moito máis pesimista debido ó descenso da produtividade experimentado en toda a ría nos últimos anos. Nesta apertura, as cotizacións mantivéronse bastante altas con prezos que oscilaron entre os dezaoito e os catorce para a ameixa babosa, entre os corenta e dous e os vinte para a fina e unha medida de sete con cincuenta o quilo de xapónica.