RIBEIRA> Un dos máis importantes tiña lugar ao mediodía, na Praza do Concello, onde se deu lectura a un manifesto. Un acto que estivo presidido polo alcalde, Manuel Ruíz, e varios membros da corporación municipal.
A praza do Concello focalizou este mediodía boa parte dos actos promovidos polo executivo para conmemorar o Día do Orgullo LGTBI. Dende primeiras horas da mañá a bandeira arco iris, que simboliza a liberación sexual e de xénero, foi pendurada na fachada da casa consistorial, pero non foi ata o mediodía cando se desenvolveron a maior parte dos actos. Un deles, se cadra o máis importante foi a lectura dun manifesto co que se pretendía recoñecer os dereitos deste colectivo, e festexar que cada vez sexa menos as persoas que sofren rexeitamento pola súa orientación sexual.
A continuación tamén se celebrou unha performance a cargo da compañía LAG, baseada na acción como reacción á marxinación que sofren as persoas cunha orientación sexual que non se adentra no socialmente establecido.
Con anterioridade o alcalde entregou tamén os premios do concurso de tweets contra os estereotipos de xénero promovido dende o Centro de Información á Muller e cuxos gañadores foron María Maceiras e Iker Fernández.