O novo mercado de Ribeira comezará a funcionar a principios de maio

    RIBEIRA> A nova praza de abastos de Ribeira abrirá as súas portas a principios de maio. Así llo comunicou o alcalde ós praceiros no transcurso dunha xuntanza na que se procedeu á adxudicación dos postos das vendedoras de peixe. Tan só faltaba proceder ó sorteo dos once postos de venda de peixe para avanzar cara a apertura da nova praza de abastos de Ribeira. Este luns fíxose efectiva a súa adxudicación durante unha xuntanza na que se acordou iniciar o traslado a finais de mes co obxectivo de estar instalados no novo mercado a principios de maio. Paralelamente estanse a desenvolver os traballos para a instalación do transformador eléctrico que xa están a piques de concluír e procedeuse á adxudicación do traslado dos postos de venda. Finalmente, tódolos vendedores de peixe compartirán espazo na mesma planta, tal e como solicitaran. este feito motivou a redución dos postos, algo que inicialmente xerou malestar entre algúns praceiros. Unha vez aberto o novo mercado quedará pendente a adxudicación do segundo andar, que previsiblemente sairá a concurso no mes de maio, destinado a zona de ultramarinos, panadería e charcutería. Acollerá tamén un centro homologado de formación de hostalería mentres que a planta superior destinarase a restauración.