A POBRA> Golpe ó tráfico de drogas na Pobra. A Garda Civil detivo a un total de cinco persoas, pertencentes a un mesmo clan familiar. Foi no marco da operación ‘O Inferno’, que se saldou ademais co intervención de numerosas substancias e unha gran cantidade de diñeiro en metálico.
A investigación, no marco da denominada operación ‘O Inferno’, iniciábase xa en xuño pasado. Os axentes do Instituto Armado puideron constatar da existencia dun punto de venda e distribución de droga para toda a comarca do Barbanza situado nunha vivenda emprazada na rúa da Feira, en pleno casco urbano pobrense.
Á fronte do grupo, un vello coñecido das forzas da orde por diversos delitos relacionados co tráfico de drogas. Ó verse controlado polos axentes e para dificultar o labor destes, trasladou a súa actividade delitiva a unha zona máis afastada do centro, situada na aldea de O Inferniño, na parroquia de San Isidro de Postmarcos. Ata este punto seguían acudindo numerosas persoas de diferentes zonas da comarca na procura da droga, constatando un elevado fluxo de clientes durante todo o día, polo que a garda Civil decidiu intervir, procedendo á súa detención, xunto con outras catro persoas máis, todas elas pertencentes ó mesmo clan familiar.
Unha vez conseguidas as correspondentes autorizacións xudiciais para a realización dos rexistros nos dous domicilios, interviñéronse unha gran cantidade de substancias, unhas 230 doses de cocaína, 852 de polen de haxíx , uns 1.382,45 gramos de marihuana envasados en tarros herméticos, así como uns 2.800 euros en efectivo. Os axentes tamén localizaron una pistola de aire comprimido, dúas básculas de precisión e outros obxectos, entre eles teléfono móbil. Os cinco detidos xa pasaron a disposición xudicial no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 3 de Ribeira, que decretou o ingreso en prisión para o líder do clan e a posta en liberdade con cargos para o resto dos implicados.