A sorte volve sorrir a Noia cun segundo premio do Euromillón

    NOIA> A administración de Loterías Petisco de Noia repartiu o segundo premio do Sorteo do Euromillón celebrado este martes. Polo momento, aínda non apareceu o afortunado gañador dos preto de douscentos setenta mil euros cos que a fortuna volveu sorrir a esta vila. A propietaria do punto de venda de lotería, María José Petisco, segue sumando premios á longa lista que acumula nos últimos anos. Tras outorgar o primeiro premio do euromillón en xaneiro de 2014, agora vén de repartir o segundo premio, a través dun boleto automático premiado con cinco acertos e unha estrela. Cando recibiu a nova, María José Petisco apenas podía crer que de novo a sorte se puxese do seu lado, tan só tres meses despois de repartir un quinto premio da lotería de Nadal. Á espera de que aparece o afortunado gañador, se é que o fai, moitos clientes achegábanse esta mañá ata o punto de venda para interesarse polo sucedido e, como non, probar sorte.