Portos defende o criterio para o baremo das taxas portuarias

    BARBANZA> Portos de Galicia saíu ó paso da denuncia de taxas abusivas realizadas por mariñeiros xubilados de Ribeira. O ente autonómico aclarou os criterios para o cálculo das cotas e os requisitos para acceder á bonificación do corenta por cento. As embarcacións deben ter unha potencia inferior a vinte cabalos e menos de dous GT. Portos de Galicia defende a equidade do cobro das taxas portuarias calculadas en base ós baremos que establece a lei. Así, os propietarios de embarcacións de sétima lista deberán aboar distintas cantidades non só en función dos servizos dos que dispoñen os pantaláns (auga, electricidade, fingers) senón tamén das características de cada barco, fundamentalmente eslora e manga. En relación á bonificación do corenta por cento para os xubilados que reclamaban algúns usuarios, o departamento autonómico aclara que só se aplicará no caso de cumprir dous requisitos: aquelas embarcacións cunha potencia inferior a vinte cabalos e menos de dous GT, medida calculada tendo en conta eslora, manga e puntal. Con estes baremos, unha embarcación de catro coma seis metros de eslora e unha potencia de trinta cabalos pagaría unha media de vinte e cinco euros mensuais posto que non está suxeito a bonificación. De aplicárselle a unha embarcación menor en tamaño e inferior en potencia, a contía apenas sobrepasaría os dez euros ó mes. Portos de Galicia considera que se trata de taxas razoables en relación ó servizo prestado nos pantaláns. Aínda así lembra que cada usuario está no seu dereito de presentar as reclamacións que considere oportunas para o seu estudo e resolución por parte da administración.