Morre un traballador en Ribeira ó quedar atrapado debaixo dun eucalipto

RIBEIRA> Nesta zona de difícil acceso, no monte San Amedio, no alto da Curota, pertencente á parroquia ribeirense de Oleiros, foi o lugar onde se produciu o accidente laboral mortal.

Por causas polo de agora descoñecidas, ó home caeulle enriba un eucalipto, quedando atrapado pola árbore.

Foi un compañeiro da vítima o que deu aviso ó 112, que rapidamente activou unha alerta de emerxencia, desprazando ata a zona a persoal do Grupo de Apoio e Emerxencias de Ribeira e ós bombeiros dos parques de Ribeira e Boiro co fin de socorrer á vítima

Ata o lugar tamén se desprazou persoal do 061 que se encargaron de atender ó traballador logo de ser liberado, aínda que non puideron facer nada por el, confirmando o seu falecemento.

Debido á orografía do terreo, e as dificultades para o traslado do corpo por terra, fíxose necesaria a intervención do helicóptero de rescate Pesca I e do Servizo de Gardacostas de Galicia.

O operativo contou tamén coa participación das policías Local e Nacional de Ribeira.