Arranca a XXXII edición do Rali de Noia

NOIA> A proba, a primeira das que se celebran dentro do Campionato Galego, terá coma principais favoritos a Ivan Ares e Alberto Meira, debido á ausencia do vixente campión autonómico, o vigués Álex Pais. Os 134 inscritos nesta XXXII edición do Rali de Noia deberán superar esta tarde noite as verificacións se queren participar mañá na carreira, a primeira do calendario oficial deste ano, valedeira para o Campionato galego da especialidade, despois do aprazamento da proba do Cocido en Lalín. Como vén sendo costume nos últimos anos, as condicións metereolóxicas existentes marcarán en moito a carreira. A proba constará de catro tramos que os pilotos deberán realizar a dobre pasada. A ausencia do actual campión autonómico, o vigués Álex pais, sitúa a Iván Ares e a Alberto Meira, como os favoritos a levarse a vitoria neste rali que organiza a escudería Berberecho. Nun segundo escalafón, aínda que haberá que estar atentos á súa evolución na proba, figuran Víctor Senra, Domingo Molinos ou Diego Aneiros, entre outros. A hora de inicio do rali está fixada pola organización para as oito menos cuarto da mañá e ten fixada a súa conclusión para as oito da tarde. A entrega de trofeos terá lugar posteriormente, ó redor das doce e media da noite no Teatro Coliseo Noela.