AC Dorna celebra o 25 aniversario da Volta á Arousa en dorna

dornas250_240609.jpgA ILLA> A Volta á Illa en Dorna celebra as súas vodas de prata e os seus organizadores esperan superar o sábado a marca de embarcacións. O ano pasado foron 47 dornas as que participaron na que se considera a nai de tódalas regatas. A saída está prevista para as catro da tarde desde a escola de vela da praia da Canteira, no Bao.

En función do vento, a flota sairá cara o norte ou cara o sur co obxectivo de completar un rodeo ó perímetro da Illa, cun percorrido de entre 8 e 9 millas. A pasante da ponte e o Faro do Galiñeiro son os únicos pasos obrigatorios para as dornas, que poderán buscar o rumbo que mellor lles vaia para gañar a proba.

Pero o sábado non só as dornas rodearán á Illa. Tamén se celebrará en paralelo a primeira Volta en bicicleta. Neste aniversario, a Asociación Cultural Dorna presentará unha exposición con fotografías dos 24 gañadores desta cita marítima. E ademais haberá un concurso de debuxos entre os escolares, organizado pola asociación local de empresarios.

Redacción Salnés