O executivo muradán busca fórmulas para dinamizar o mercado

MUROS> A alcaldesa, María Xosé Alfonso, pretende aumentar o número de postos actuais para mellorar a oferta existente, así como desenvolver actividades coa finalidade de atraer a novos clientes. Antes na oposición e agora na alcaldía, CxG aposta pola dinamización do mercado municipal coa finalidade de convertelo nun espazo atractivo, o que contribuiría a un mellor desenvolvemento económico do concello. Segundo sinala a propia alcaldesa, María Xosé Alfonso, a praza atópase situada nun lugar estratéxico en pleno casco histórico pero cómpre activala pois presenta a día de hoxe pouca actividade con apenas postos. O concello xa iniciou hai varias semanas unha serie de actividades, en colaboración con asociacións e entidades locais coa finalidade de xerar movemento na praza. Entre outros plans o executivo muradán ten prevista a realización dunha feira de produtos ecolóxicos e un serán. De xeito paralelo, dende o concello estase a traballar tamén na elaboración dun prego de condicións para sacar a licitación aqueles postos de venta que actualmente están baleiros e así aumentar a posible oferta comercial no recinto.