NOIA> Cumpríronse os pronósticos e o piloto coruñés vencía con claridade na primeira proba puntuable para o Campionato Galego de Asfalto. Esta pasada fin de semana arrancaba o Campionato Galego. Facíao ademais cunha das probas máis espectaculares, o Rali de Noia, que este ano chegaba a súa trixésimo segunda edición. A cita, organizada como de costume pola Escudería Berberecho, despertou un enorme interese entre os afeccionados ó mundo do motor, ateigando a práctica totalidade das zonas polas que se desenvolveron os tramos. O mal tempo, especialmente a chuvia caída durante a xornada da mañá do sábado, condicionou en parte a carreira e os pilotos deberon extremar as precaucións ó volante. En canto a resultados, cumpríronse os pronósticos, e o piloto Iván Ares, que partía a priori coma un dos claros favoritos a levarse a vitoria, fíxose co trunfo. Foi unha vitoria sen paleativos, dende o inicio o coruñés a bordo do seu Porsche 911 GT3 2010, fixo valer o seu título de subcampión de España de ralis en 2015, marcando distancia cos seus perseguidores. Ademais Ares veu coa coma un dos seus máximos rivais, Víctor Senra, abandonaba ás primeiras de cambio por problemas no seu coche. Na segunda posición quedou finalmente Alberto Meira co seu Mitsubishi Lancer Evo X e en terceiro lugar Iago Caamaño cun Fiesta R5. En canto ó resto de clasificacións destaca tamén a vitoria de Félix Macías na xeral Top Ten Pirelli e de José Francisco Tubío no Volante FGA. A Pirelli AMF foi para Diego González e Iván García levouse o trunfo na Copa Seguro x Días. Nos históricos, na Copa Rallycar RMO, o vencedor foi Vicente Cabarcos. Como vén sendo habitual nas últimas edicións non se rexistrou ningún incidente de consideración, razón pola que dende a organización valoraron moi positivamente o desenvolvemento da proba. A próxima cita do calendario será o Rali do Cocido el Lalín, a fin de semana do 23 ó 25 de abril, despois de ser suspendida o pasado mes de marzo.
Inicio Deportes