RIBEIRA> Esta mañá era presentada a XXIV edición do Torneo Internacional de Taekwondo Cidade de Ribeira que organiza o Club Natural Sport, en colaboración co Concello e a Federación Galega de Taekwondo.
A cita terá lugar esta vindeira fin de semana, o sábado e o domingo, no pavillón municipal da Fieiteira, cunha participación duns 800 loitadores chegados dende diferentes puntos de todo o ámbito nacional e mesmo Portugal.
O Torneo será a segunda proba rankeable para o Campionato Galego as categorías de combate Cadete, Júnior e Absoluto, aínda que haberá participación tamén das categorías Infantil e Precadete e Máster.
Dende o Concello destacaron a importancia deste tipo de torneos, agradecendo o traballo que realiza o Club Natural Sport na organización dun evento destas características, co que se busca a promoción dun deporte coma o taekwondo con tradición no municipio.
Como é habitual, o Club aproveitará a realización deste Torneo para homenaxear a diversas figuras e entidades.
O recoñecemento este ano irá para as Tanxugueiras, Ana Peleteiro, os equipos olímpicos españois de taekwondo e parataekwondo, o deportista local Abrahan Benítez e a actriz Susana Sampedro.











