Unha trintena de propostas integran a ‘Fiestra da Cultura’ de Ribeira

RIBEIRA> A Fiestra da Cultura encherá Ribeira de espectáculos ó longo de todo o verán. Música, teatro, danza, maxia e circo compoñen unha ampla oferta para tódolos públicos.

Unha trintena de propostas compoñen a Fiestra da Cultura que se desenvolverá en Ribeira durante os meses de xullo, agosto e setembro.

O programa arranca mañá día un coa inauguración da exposición de Carmen Sampedro e o festival Entre Folclores de Tahume. Inclúe tamén tres propostas de narración oral no marco do Festival Atlántica que se desenvolverán en puntos emblemáticos do municipio.

Este ano retomarase tamén o autocine nas parroquias e o ciclo de concertos da Fin do Mundo patrocinado por Turismo de Galicia. A ampla programación das festas de verán complementan a oferta lúdica e cultural coas actuacións estelares de Milladoiro e Fran Sieira.