Noia mellorará o sistema de xestión de multas

    NOIA> O concello de Noia colaborará coa Xefatura Provincial de Tráfico para mellorar a xestión das multas e regular o aparcamento no casco histórico. Froito deste convenio, desenvolveranse tamén campañas de concienciación sobre seguridade viaria entre os colectivos da terceira idade e os nenos. Na xuntanza mantida esta semana coa Xefa Provincial de Tráfico, abordáronse novas fórmulas para mellorar a xestión das multas. A colaboración entre os dous organismos facilitaría o acceso do concello ó rexistro de condutores para controlar de xeito máis eficiente a regulación de acceso ó casco histórico. No marco deste convenio plantéxanse tamén unha serie de campañas de sensibilización dirixidas fundamentalmente á terceira idade e ós nenos. No primeiro caso, preténdese incrementar a seguridade, especialmente para os peóns. En canto á poboación infantil, o obxectivo é fomentar prácticas seguras de circulación dende a base. Paralelamente, o concello ten previsto acometer un reforzo da sinalización e do pintado viario para disuadir ós condutores de estacionar en espazos non autorizados.