Medio Ambiente realizará melloras na rede de abastecemento de Noia

    NOIA>A Consellería de Medio Ambiente realizará melloras na rede de abastecemento de Noia para acabar cos problemas de turbidez da auga. O proxecto, aínda en fase de elaboración, contemplará tamén a ampliación do depósito de auga, que duplicará a capacidade, para atender a demandado servizo. Os problemas da turbidez da auga que viña rexistrando Noia con bastante frecuencia teñen os días contados. A Consellería de Medio Ambiente ratificou o seu compromiso para mellorar a rede de abastecemento e dotar ó municipio dun depósito de auga potable co dobre de capacidade. O proxecto, aínda se atopa en fase de redacción, pero a intención da Consellería é licitalo antes de que remate o presente ano. O investimento aproximado roldaría o millón de euros. Outra actuación na que Medio Ambiente realizará a súa achega en colaboración con outras administracións será a rexeneración da fachada marítima de Noia. Antes da súa visita a Noia, Beatriz Mato achegouse ata Boiro onde visitou algunhas das obras do Plan de Saneamento do municipio, como son as melloras dos bombeos de Esteiro e Subuqueiro. Queda pendente unha terceira fase consistente na renovación do colector do Río Breiro e o separativo da rede de pluviais da unitaria. O investimento total deste plan ascende ós seis millóns de euros.