Os populares propoñen axudas para incentivar a natalidade

    POBRA> O PP da Pobra levará ó pleno unha moción solicitando axudas para incentivar a natalidade no municipio. Os populares interesaranse tamén polas previsións de apertura do centro de día á espera que a Xunta e a Fegamp renegocien as condicións do contrato. Entre as mocións presentadas polos populares para o próximo pleno destacan as axudas á natalidade propostas pola agrupación. Ademais dunha achega de catrocentos euros por nacemento ou adopción propoñen un bono mensual de cincuenta euros para a compra de artigos infantís ou gastos de gardería. Outra das iniciativas que levarán a pleno é a reprobación da xestión realizada polo goberno en relación á apertura do centro de día. Consideran que debería terse asinado xa o convenio para a súa posta en marcha incluíndo unha cláusula relativa á revisión das condicións do contrato mentres a FEGAMP e o Consorcio Galego de Servizos non chegan a un acordo. Os populares consideran que a demora na posta en marcha deste servizo é froito da inación do executivo e da súa escasa capacidade de xestión ante outras administracións.