A Marea de Noia levará ó pleno os problemas coa turbidez da auga

    NOIA> A través dunha moción reclamaranlle ó equipo de goberno a realización dunha investigación para determinar as posibles causas do problema. Recollendo o malestar de numerosos veciños, hostaleiros e comerciantes a consecuencia dos problemas de turbidez no abastecemento de auga potable rexistrados nas últimas semanas, a Marea de Noia solicitaralle ó equipo de goberno o inicio dunha investigación para determinar a súa orixe e tamén unha posible solución. Dende a formación demandan que o Concello se poña en contacto con Augas de Galicia, co Seprona e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para que se realice unha investigación sobre a procedencias dos lixiviados e se fagan tamén labores de prevención dos mesmos. Ademais instan ó executivo a manter informados á veciñanza cando aparezan este tipo de produtos na auga municipal e se teñen algún tipo de perigo para a saúde. En canto á prevención, solicitan tamén que se realicen análises de acorde a lexislación vixente no río San Xusto de xeito periódico, para reaccionar ante novos vertidos.