Cúmprese un mes sen novas de Diana Quer

    POBRA> A nai de Diana Quer volveu falar antes os medios, nesta ocasión ás portas da súa casa madrileña, para facer un chamamento para atopar á súa filla. Subliñou que nestes momentos calquera pista sobre o vehículo ao que puido subir Diana a noite da desaparición. O vehículo ao que se cre que puido subir a moza madrileña, tras gozar dunha noite de festa na Carme dos Pincheiros da Pobra, parece ser unha das claves que barallan os investigadores para dar co paradoiro da rapaza. O 21 de agosto, hai un mes, Diana Quer, madrileña de 18 anos, saía cunhas amigas celebrar estas festas da localidade na que veranea desde hai 13 anos. Nunca regresou á súa casa. Desde ese momento, tódalas hipóteses se mantiveron abertas, así como as especulacións de gran parte dos medios de comunicación e da sociedade en xeral. Desde os que apuntaban aos feirantes que por aquela tiñan instaladas as barracas na zona, algo que xa quedou descartado, ata a posibilidade de que Diana marchara por propia vontade, algo que a familia, negou rotundamente nun principio, pero que agora non se descarta. Á desaparición da moza engadiuse unha batalla paralela entre os pais, separados desde hai catro anos. Isto levou a que poucos días despois da ausencia de Diana, unha xuíza de Ribeira lle quitara a custodia da súa irmá menor á nai das mozas, en favor do pai. Desde este martes, este caso lévao de novo un xulgado de Pozuelo de Alarcón ,onde reside a familia. Máis emocionada que noutras ocasións, no seu novo chamamento, a nai de Diana rogou ás posibles testesmuñas da noite da desaparición, calquera detalle sobre o coche que se busca. Varias persoas aseguraron que viron a Diana subir nun vehículo negro esa madrugada. Só se sabe que o seu teléfono móbil emitiu un último sinal arredor das catro da mañá na zona de Taragoña, Rianxo. Moitas dúbidas, e poucas certezas, debido ao Segredo de sumario, que continuará polo menos un mes máis. O único certo é que desde hai xa un mes, non se ten nin un só rastro do paradoiro de Diana Quer.