NOIA> Os populares noieses compareceron esta mañá para facer un balance da situación municipal sete meses despois da moción de censura.
O voceiro do PP, Santiago Freire, incide na incapacidade do actual executivo para xestionar novos proxectos apropiándose das actuacións herdadas do anterior goberno, cifradas en máis de seis millóns e medio de euros.
Entre os proxectos xa executados destacan numerosas obras de pavimentación e saneamento, a reparación integral do Coliseo Noela, o ascensor da casa da cultura ou as obras da Factoría da Mocidade, entre outras.
Santiago Freire reivindicou tamén os importantes investimentos conseguidos baixo o seu mandato para a mellora da estación de tratamento de auga potable e a reparación da depuradora de Barro que suman máis de catro millóns e medio.
Os populares aluden tamén a outros proxectos que se executarán nos próximos meses por valor de 230 mil euros como as beirarrúas diante do Casino, a pavimentación dos accesos ó colexio da Barquiña e a humanización de varias rúas.











